Sunday 28 de April de 2024

A Coruña mostra o seu potencial gastronómico na feira internacional Madrid Fusión


Hoxe presentou nesta feira internacional as Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico-Reserva de Biosfera e o Festival do Bocata Gourmet, Boucatise

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, mostra o seu potencial gastronómico na feira internacional Madrid Fusión, que se celebra desde hoxe ata o mércores no Instituto Feiral de Madrid. Participan nesta edición a cociñeira Sheila Barbeito, do Restaurante Roots, gañadora do Concurso de Tapas Picadillo 2022 na categoría creativa e finalista no Concurso Nacional de Tapas de Valladolid 2022 e o cociñeiro Gonzalo Cotelo, do Restaurante Morriña, gañador do Concurso de Tapas Picadillo en 2015; en 2019 destacado pola mellor tapa tradicional e en 2020 pola mellor tapa na categoría maridaxe. O Goberno de Inés Rey, que expuxo en Fitur a súa oferta cultural e de lecer para este ano, completa a presentación do potencial turístico da cidade en Madrid neste evento gastronómico cunha importante proxección tanto nacional como internacional.

Logo de empezar o día cun Momento Almorzo na caseta de Saborea A Coruña con Bica de Amasarte, o cociñeiro Gonzalo Cotelo encargouse do Taller de tapas Picadillo “Mar e Terra”. Na Sesión Vermú: degustación de Queixo Cagiao aderezado con produtos de Acastrexa, Patacas Bonilla a la vista e Vermut Ecolóxico Lodeiros.

Ademais da degustación de produtos, talleres e demostracións en directo, A Coruña presenta nesta feira internacional as xornadas e eventos gastronómicos que se celebran na cidade ao longo do ano. Hoxe foi a quenda das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico-Reserva de Biosfera e tamén de Boucatise, Festival do Bocata Gourmet.

Pola tarde, no posto coruñés, o público puido degustar, no Momento Doce, Torta de nata de Amasarte e Infusións Orballo. Para terminar a xornada de hoxe: “Berberechos á feira maridados con viños Pagos de Brigante”.

Durante os tres días de Madrid Fusión ofreceranse no posto de Saborea A Coruña produtos da Lonxa da Coruña, Adegas Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Vermut ecolóxico Lodeiros, Acastrexa, Os Biosbardos, Conservas La Pureza, PortoMuíños, Queixos Cagiao, Infusións Orballo, Bonilla a la vista, La Empanada Viajera e Amasarte.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.